Santiago, 20 de novembro de 2019 .- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que axilice as xestións necesarias ante a Unión Europea para a obtención de fondos comunitarios para execución do proxecto de dragaxe da ría do Burgo en A Coruña, ao tempo que dote de orzamento suficiente para esta actuación de rexeneración do litoral de competencia estatal, establecendo un cronograma completo con prazos de execución e previsións realistas.
O deputado popular Gonzalo Trenor amosou “a preocupación ante unha actuación necesaria na ría do Burgo que se leva demorando demasiado, xa que o Goberno do Partido Socialista non ten feito nada ao respecto pese ao compromiso acadado hai case un ano”.
ORZAMENTOS PREVISTOS POLO GOBERNO DE RAJOY
Trenor subliñou que, “tras anos de espera, os investimentos necesarios para a dragaxe da ría do Burgo aparecía nos orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy, orzamentos que o Goberno socialista non executou porque había que pagar os venres electorais”. Neste sentido, cualificou estes presupostos como “os mellores da historia para A Coruña e a súa área metropolitana, xa que, a maiores de dar solución á rexeneración da ría, tamén contemplaban os recursos para iniciar a ampliación e mellora de Alfonso Molina, a ampliación da Ponte Pasaxe, a mellora do tren a Ferrol, a conexión ferroviaria de Punta Langosteira, a conexión da autopista coa Terceira Ronda, o Vial 18 ou a Cuarta Ronda”.
“A día de hoxe, e gracias a estes orzamentos do Goberno do PP, o Ministerio para a Transición Ecolóxica ten redactado o proxecto de dragaxe e rexeneración ambiental da ría do Burgo, cun investimento previsto de 46 millóns de euros”, explicou Gonzalo Trenor, quen apuntou que “nunha reunión mantida o 15 de xaneiro deste ano entre Administración central, Xunta e concellos, o Goberno galego propuxo redirixir fondos europeos inexecutables en prazo cara a dragaxe da ría do Burgo”.
Deste xeito, o Ministerio quedou en tramitar a ampliación do destino de fondos “pero lamentablemente o Goberno socialista, pese aos moitos anuncios, non só non fixo as xestións necesarias para dar cumprimento ao acordo senón que paralizou todo o que ten que ver con Galicia e non ten feito os trámites necesarios para dar cumprimento ao acordado”. “O Goberno de Pedro Sánchez non fixo os seus deberes e non cumpriu o acordado, porque dez meses despois da reunión non se ten dirixido ás institucións comunitarias para trasladar esa demanda da Xunta”, sinalou.
NA AXENDA GALEGA
Gonzalo Trenor manifestou que a dragaxe da ría do Burgo “forma parte da Axenda Galega, que recolle as demandas urxentes e prioritarias de Galicia ao próximo Goberno de España, xa que se trata de defender os intereses dos galegos, de temas que afectan ao ben común, que atinxen ao presente e futuro de Galicia e, polo tanto, non poden depender da orientación partidaria que teña o Goberno central”.
“A Xunta leva investidos na ría do Burgo 100 millóns de euros, cumprindo cos seus compromisos para sanear a ría e colaborando e apoiando aos concellos nas súas competencias de saneamento e depuración”, salientou o deputado popular, quen demandou que “agora cómpre que o esforzo da Xunta teña continuidade por parte do Goberno central e execute o dragado da ría do Burgo, unha actuación de rexeneración do litoral de competencia estatal”.