Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o partido celebra que a política que está levando a cabo a Xunta e as preocupacións principais do goberno galego se estendan ao conxunto de España. “É unha mostra máis de que Galicia está a acertar tanto no diagnóstico das necesidades dos seus cidadáns como nas ferramentas para atender estas necesidades”, afirmou.
Así, Tellado salientou que a Conferencia de Presidentes Autonómicos celebrada onte permitiu que os diferentes territorios tiveran a oportunidade de ser escoitados nas súas reivindicacións e necesidades, pero tamén de escoitar as das demais comunidades. Segundo expresou, a importancia dunha cita coma esta radica en que nela se poñen enriba da mesa solucións e reformas estruturais de fondo calado que serven para afrontar os desafíos que ten o noso país a medio e longo prazo.
Neste sentido, celebrou que os dous temas centrais que levaba na axenda Galicia fosen tamén os dous fundamentais da reunión, e que ambos se pechasen co compromiso de deixalos resoltos a finais deste mesmo ano: o financiamento autonómico e a crise demográfica.
En canto ao primeiro, destacou que se acadase o compromiso de que o novo sistema se asente en tres principios: o custe efectivo dos servizos, para garantir a prestación dos mesmos a todos os cidadáns, “con especial atención a sanidade e dependencia, áreas das que tamén conseguimos que vaian ter unha peza separada neste debate”; a multilateralidade, “porque España ten moitos centros de decisión que deben ser escoitados en igualdade e xa vimos que a receita dos privilexios a unhas comunidades sobre outras do goberno Zapatero era mercancía estropeada”; e a estabilidade, para poder garantir os recursos e manter un modelo que facilite a planificación.
Pola súa banda, en canto á crise demográfica, tamén afirmou que se debe ponderar a vontade de ter unha Estratexia Estatal este mesmo ano, na que xogarán un papel central os estudos que Galicia ten realizado xunto con outras comunidades para abordar a cuestión.
Tellado lembrou que para que todo iso se poda facer real, precísase dunha política económica que provoque crecemento, que favoreza a creación de emprego e consolide o círculo virtuoso no que se atopa o país. “Por iso tamén cremos que é importante afondar nas reformas, continuar polo camiño da estabilidade e insistir no que se fixo ben durante estes anos”, incidiu.
Así mesmo, o secretario xeral do PPdeG dixo que todos os temas que se acordaron onte son positivos, destacando algúns que foron prioridade en Galicia nos últimos tempos, como a Tarxeta Social, o Bono Social ou o Pacto contra a Violencia machista.
“Agardamos que Conferencias con este espírito construtivo e este talante teñan continuidade no tempo. Sempre nos quedaremos cun modelo no que todas as autonomías teñan voz e voto, como sucede agora, fronte aos tempos nos que só dous centros de decisión pechaban decisións que nos afectaban a todos os españois”, recalcou.
ARMONIZACIÓN FISCAL
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, Tellado tamén remarcou que Galicia foi unha Comunidade estritamente cumpridora ano tras ano, que tanto o seu goberno como os seus cidadáns fixeron grandes esforzos ao longo da crise e que as baixadas de impostos dos últimos anos son un recoñecemento aos galegos. “O que non deberiamos permitir é que Comunidades que incumpren o déficit de forma sistemática lle pretendan dar leccións en materia fiscal a quen si cumpre”, resaltou.
“Entristécenos que unha comunidade histórica sexa a que pide que as Comunidades teñan menos marxe de manobra para facer as súas propias políticas e menos soberanía”, dixo referíndose a Andalucía, antes de lembrar que esta semana acordou de maneira ilegal reducir unilateralmente a xornada laboral dos funcionarios, algo que está regulado a nivel estatal.