Santiago, 23 de maio de 2018. A deputada do Grupo Popular Raquel Arias defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta vele polo legado cultural do patrimonio artístico e bibliográfico do Centro Galego de Bos Aires, para que este se poida seguir desfrutando polo conxunto da colectividade e sociedade galega en Arxentina. Así mesmo, demandou que o Goberno galego, en colaboración coa Administración xeral do Estado, defenda que os emigrantes galegos asociacións ao Centro Galego de Bos Aires poidan seguir gozando de asistencia sanitaria en caso de necesidade.
Raquel Arias lembrou que “todos os españois residentes en Arxentina e, polo tanto, todos os galegos residentes neste país, teñen asistencia sanitaria gratuíta en aplicación do convenio asinado polo Estado español e o arxentino, que se pode complementar coas axudas económicas previstas a tal efecto pola Xunta”.
Neste sentido, indicou que o Centro Galego de Bos Aires é unha entidade privada que presta servicios sanitarios complementarios aos seus socios e pola que pagan unha cotas. Porén, asegurou que “todos os socios do Centro Galego de Bos Aires teñen asegurada a asistencia sanitaria complementaria á pública mediante OSPAÑA, coas mesmas prestacións que recibían, como mínimo, e con cotas non máis elevadas que as que estaban a pagar”.
PRESERVAR E CONSERVAR
Respecto da venta do Centro Galego de Bos Aires, Raquel Arias subliñou que “os 70 millóns de dólares de débeda son froito da xestión dos distintos interventores nomeados polo Goberno arxentino e a inmensa maioría desta débeda é coa administración deste país”.
“En todo caso, se finalmente os socios chegan a un acordo coas empresas compradoras, todas as partes implicadas no proceso manifestaron xa a súa intención de preservar e conservar o seu patrimonio artístico e documental na Arxentina, polo que, en principio, non hai motivo de preocupación”, manifestou a deputada popular, quen recordou que “así llelo fixeron saber recentemente a membros do goberno galego os propios socios do Centro Galego de Bos Aires e diferentes responsables do Goberno arxentino, que se amosaron dispostos a colaborar para manter e difundir ese patrimonio”.
Porén, Arias afirmou que “se o Centro Galego chegase a outro tipo de situación na que o patrimonio se puidera ver comprometido, o Goberno galego estará atento para dar os pasos oportunos”.