Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para impulsar e desenvolver o Plan de mellora da atención no rural mediante a dinamización e modernización das oficinas agrarias comarcais
O pasado día 13 de febreiro de 2020 levouse a Consello da Xunta o Plan de Mellora da Atención no Rural, o que comprometía á dinamización e modernización das Oficinas Agrarias Comarcais (en adiante, OAC); isto suporía a mellora sistemática da atención a agricultores e gandeiros a través dun plan de modernización e posta en valor da rede de OAC. Non obstante, como consecuencia da aparición da pandemia pola covid-19 este plan foi demorado e, neste senso, cómpre impulsar a súa posta en marcha de cara ao próximo período.
Isto responde de xeito ineludible a unha necesidade xerada en torno a un primeiro esbozo do mapa actual das OAC na década de 1960. Nesa data foron definidas as localizacións de hoxe en día e o despregue das mesmas, que naquel momento se coñecían como Extensións Agrarias ou A Agraria a secas. Por aquel entón, como cabe esperar, as cifras das explotacións eran superiores ás da actualidade, tanto en censo agrario, como en emprego, en número de fogares…; falabamos de preto de 600.000 explotacións familiares e delas 300.000 con rendas agrarias suficientes para considerarse ingresos principais no fogar. En canto á situación actual, existen uns 130.000 titulares de explotacións de autoconsumo e case 30.000 explotacións profesionais, datos que pouco teñen que ver coas cifras dos anos 60 do pasado século.
Así como pouco ten que ver a vida de agricultores e gandeiros daqueles tempos cos de hoxe.
Desde a apertura da que foi a primeira oficina ou sede de Extensión Agraria en Negreira, no ano 1956, os cambios que aconteceron na nosa terra, desde a evolución demográfica, de redes de transporte e estradas, ata a mecanización, a transformación tecnolóxica e unha especialización produtiva e territorial das explotacións agrarias, foron debuxando un novidoso mapa territorial a nivel de explotacións agrarias nada semellante ao de hai 60 anos.
Desde a Consellería do Medio Rural evidenciouse esta nova realidade, e levouse a cabo unha análise en profundidade da mesma, coa fin de acometer o Programa de mellora global da atención no rural, para establecer as características e distribución territorial das sedes actuais de xeito efectivo, considerando os seus puntos fortes e debilidades, e aplicando medidas correctoras ás carencias existentes.
De feito, na actualidade a rede de OAC atende preto de 130.000 titulares de explotacións de autoconsumo e case 30.000 explotacións profesionais. Sen embargo, a nova realidade do campo galego, que xorde das diferentes transformacións que veu experimentando, sobre todo desde a segunda metade do século XX coa evolución de gran parte do sistema agrario territorial cara modelos de explotación intensiva, cun alto grao de especialización tanto gandeira como forestal, e, ao tempo, cunha gran dispersión xeográfica das explotacións, propicia pór en marcha un Plan de modernización e mellora da rede de oficinas de atención no medio rural de Galicia que verdadeiramente sexa efectivo e posúa a capacidade necesaria para facerlle fronte a nova realidade.
Desde o Grupo Parlamentario Popular de Galicia vemos, nesta mesma liña, a necesidade de, por un lado, mellorar as infraestruturas e, por outro, modernizar e mellorar os servizos prestados polas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC), de xeito que a administración autonómica ofreza un servizo público próximo, dinámico e técnico de calidade ao sector e mellore, ao tempo, a actividade dos profesionais que traballan nelas. Só por medio desta modernización e mellora dos servizos prestados polas OAC, se chegarán a abordar cuestións como avanzar na dixitalización, dar unha imaxe distinta e unificada ou axilizar trámites, normas e procedementos.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar e desenvolver o Plan de mellora da atención no rural mediante a dinamización e modernización das Oficinas Agrarias Comarcais, garantindo que manteñan as súas funcións de dinamización e de asesoramento aos gandeiros e agricultores dotándoas dos medios materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000904