Santiago, 8 de setembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita a implantación da figura do enriquecemento inxusto ou ilícito no Código Penal, para avanzar na loita contra a corrupción. “Tanto para este Grupo Parlamentario como para o Goberno a corrupción é unha das preocupacións a erradicar, tomar as medidas oportunas e loitar contra esta lacra que prexudica tan negativamente á nosa democracia e á política en xeral”, sinalou a deputada Maribel Novo Fariña.
Na súa intervención, a deputada popular afirmou que “o problema non é que a corrupción sexa dun partido ou doutro, o problema é que temos corrupción e esta non ten ideoloxía, polo que ninguén pode dar leccións e ninguén está a salvo”. “Non imos a entrar aquí a enumerar todos os casos que existen, nin entrar con reproches cara ninguén, pois non se debe utilizar este tema como arma de loita política”, apuntou.
Deste xeito, Maribel Novo indicou que “debe haber un compromiso de todos e traballar conxuntamente na loita activa contra a corrupción, na que desde o Goberno do Partido Popular estanse tomando medidas nas que non se viu o apoio dos demais grupos parlamentarios”.
“Son máis de 70 as medidas anticorrupción adoptadas nestes últimos anos, apostando pola transparencia e contundencia nas penas”, concretou a deputada popular, quen salientou que estas iniciativas “están sendo eficaces para combater a corrupción e os casos aflorados demostran que o Estado de Dereito funciona”.