“Na man do Goberno Central está que esta pandemia sanitaria non se converta no curto prazo nunha pandemia económica e social», advirte.
2, setembro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, sinalou que Galicia segue a resistir mellor os efectos da pandemia que o resto de España. E é que, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Traballo, a nosa Comunidade continúa creando emprego.
Así se reflicte no número de afiliacións, que volve medrar por cuarto mes consecutivo, sumando 7.126 cotizantes máis, acadando os 1.012.794. “Estes datos sitúan a Galicia como a segunda Comunidade en termos absolutos que máis emprego crea”, salientou Tellado, quen incidiu, tamén, en que Galicia vén de rexistrar a maior suba intermensual de afiliacións medias nun mes de agosto desde 2005.
Aínda que o paro sobe en todas as Comunidades de xeito interanual, a nosa é a terceira que acusa un menor ritmo de suba en termos relativos, rexistrando un incremento de 9 puntos menos que o conxunto do país. Tal e como engade Tellado, o desemprego viña diminuíndo en Galicia de xeito interanual nun mes de agosto e encadeaba seis anos consecutivos de baixadas que se ven interrompidos polos efectos da covid-19, o que demostra que o Executivo autonómico levaba un rumbo axeitado en materia económica.
UN GOBERNO PARA SAÍR DA CRISE
De cara ao futuro, Galicia precisa dun Goberno que siga impulsando medidas acertadas para o crecemento económico e a creación de emprego, do mesmo xeito que viu facendo na última década. Neste punto, o secretario xeral dos populares galegos referiuse a que o vindeiro executivo autonómico volverá aplicar políticas que axuden a Galicia a saír desta crise, como xa logrou na anterior recesión económica, e retomar así a senda de crecemento que Galicia estaba vivindo antes da crise da covid-19.
Precisamente, para a creación de emprego de calidade, Tellado avogou por medidas consensuadas e acordadas a través do diálogo entre os principais axentes económicos e sociais. E aplaudiu a medida proposta onte por Feijóo dunha nova mesa do diálogo social, para trazar conxuntamente métodos e obxectivos para superar a crise económica.
Unha medida, recordou, que permitiu que Galicia fose das primeiras comunidades que facilitara que os traballadores afectados por un Erte puidesen cobrar un anticipo da súa nómina cando o Goberno aínda non lla tiña ingresada; activar axudas para completar as prestacións de menor contía dos traballadores afectados por Ertes e para as persoas a partir de 55 anos que perderon o seu emprego; poñer en marcha un novo programa de formación dixital dirixido a parados con máis de 45 anos; así como tamén un paquete de medidas extraordinarias de conciliación para axudar ás familias, que inclúe as excedencias e as reducións de xornada por coidados a menores ou maiores.
Para rematar, Tellado puxo en valor a experiencia de Feijóo na xestión de momentos complicados e o seu proxecto de futuro para seguir levando a Galicia pola senda do crecemento, da creación de emprego e da estabilidade. Un modelo, dixo, que confronta co que Pedro Sánchez está a levar en España. E é que, fronte á inestabilidade que o Goberno central se atopará na súa negociación, os Orzamentos en Galicia para o vindeiro exercicio están garantidos. Así, advertiu que “na man do Goberno Central está que esta pandemia sanitaria non se converta no curto prazo nunha pandemia económica e social».