O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición de lei do Grupo Popular, para remitir ao Congreso, de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 a Galicia. “O que queremos os galegos é unha AP-9 plenamente galega, que permita unha xestión máis directa e máis pegada ao territorio, e libre de cargas”, incidiu o portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro.
Na súa intervención, Balseiro manifestou que “unha vez conformadas as Cortes Xerais logo das últimas eleccións nacionais, a nosa primeira reivindicación é a transferencia da AP-9 a Galicia”. “Estamos cansos de ser discriminados tanto na xestión desta infraestrutura, que entendemos debe ser autonómica, como no tratamento das súas peaxes”, indicou.
EXEMPLO DA XUNTA
“Xestionar a AP-9 desde Galicia permitiría tomar o exemplo do feito pola Xunta que, con gran sensibilidade e acerto, decidiu conxelar as peaxes das autoestradas autonómicas, absorbendo a suba do IPC e da aplicación dos distintos descontos”, explicou o portavoz popular.
Neste sentido, lembrou que socialistas e nacionalistas “venderon o pacto de Ana e Adriana, o pacto de investidura de Pedro Sánchez, como a solución ás peaxes abusivas da AP-9, pero a realidade é que os descontos que impuxeron foron tan insuficiente que nin tan sequera se esgotou a partida orzamentaria prevista, e todo iso a pesar de deixar fóra a miles de usuarios”. “E, non contentos con iso, o pasado 1 de xaneiro subiron as peaxes da autoestrada converténdoa nunha das máis caras de toda España”, lamentou.
José Manuel Balseiro subliñou que “a segunda das melloras que presenta a proposición de lei do Grupo Popular ten que ver con cuestións de financiamento, porque non imos permitir que a AP-9 supoña unha carga económica para os galegos”.
Así, respecto da proposta defendida polo BNG, Balseiro explicou que a proposta do Grupo Popular “inclúe catro novos parágrafos para que a transferencia veña acompañada dos recursos necesarios con cargo aos orzamentos xerais do Estado”. En concreto, pídese que o Estado asuma as obras comprometidas e pendentes de executar; o custe de ampliar as bonificacións vixentes, estendéndoas a vehículos pesados e familias numerosas; calquera consecuencia económica futura derivada de decisións que non sexan imputables á Xunta; e a hipoteca imposta polo Goberno socialista de Zapatero que obriga a incrementar as peaxes como mínimo un 1 por cento durante os próximos 20 anos.
DEMANDA COMÚN DE GALICIA
“Estamos a falar dunha demanda común de Galicia, que xa foi aprobada por unanimidade en tres ocasións neste Parlamento galego e que permitiría ao Goberno galego acadar a xestión directa da AP-9 para adaptala con maior eficacia ás necesidades de Galicia e dos seus habitantes, e dar prioridade a unha serie de obras e medidas que son imprescindibles de acometer”, sinalou o portavoz popular.
Balseiro cualificou de “inxustificable que unha iniciativa, cuxa toma en consideración foi aprobada no Congreso por unha ampla maioría de 287 deputados e cuxa tramitación se dispuxo que fora polo procedemento de urxencia, se atopara deliberadamente bloqueada polos partidos que tiñan o control da Mesa: o PSOE de Pedro Sánchez e o partido da vicepresidenta Yolanda Díaz”.
Deste xeito, e ante unha iniciativa lexislativa que decaeu pola convocatoria de eleccións xerais, “o primeiro que facemos desde o Grupo Popular é cumprir o noso compromiso e retomar esta petición, impulsado un novo procedemento parlamentario para acadar este obxectivo nesta nova lexislatura estatal”.